O psicólogo é un profesional formado e especializado na conduta humana.
Que é un psicólogo?
O psicólogo é un profesional formado e especializado na conduta humana. O noso comportamento está precedido de pensamentos que provocan emocións, e estas, á súa vez, son seguidas de actos, é dicir, que os nosas condutas teñen antecedentes (o que pensamos e sentimos) e consecuentes (a resposta ó noso pensar ou sentir).
Cal é o obxectivo que persegue coa terapia?
O principal obxectivo é modificar a conduta disruptiva do paciente, cambiando previamente os pensamentos que a provocan e que están a causar malestar no individuo ou no seu entorno social e laboral.
E entón, como é o proceder dun psicólogo cun paciente?
Na primeira sesión, ou toma de contacto, o profesional levará a cabo unha entrevista para recoller datos esenciais para a terapia: sintomatoloxía, antecedentes que a provocan a conduta problema, antecedentes familiares, … Nesta sesion tamén se administran test psicolóxicos para axudar a determinar a personalidade do paciente e a existencia de ansiedade (para un psicólogo, a ansiedade é como para un médico a fiebre, indica que hai un problema, unha incoherencia entre o seu pensar e sentir e o seu actuar ou facer).
Na segunda sesión, explícaselle ó paciente cal é e en que consiste a súa problemática e como vai ser o seu tratamento (nº de sesións, duración das mesmas, frecuencia,…).
Na terceira sesión comezará a terapia que consiste en comezar a facer consciente o inconsciente da persoa, é dicir, en descodificar os síntomas que presenta en distorsións cognitivas para poder axudarlle a cambialas ( por exemplo “cando estou con outras persoas, penso que os demais se rin de min” este síntoma de fobia social ten unha dobre lectura: a nivel inconsciente hai un desprazamento “o que eu penso póñollo na mente ós demais” o que comunmente se di “pensa o ladrón que todos son da súa condición” e conscientemente hai unha distorsión cognitiva “o meu pensar é compartido polos demáis”). Unha vez analizado o discurso da persoa axúdaselle a detectar o significado da mensaxe que proxecta (o que realmente significan os seus pensamentos) para que o significante (que son os pensamentos corrompidos polos mecanismos de defensa que aplicamos para conservar o ideal de nos mesmos) cambie gradualmente e a súa vez as condutas que emite acompañen ese cambio. Co tempo a ansiedade irá mermando e o paciente atoparase mellor.
Dependendo da problemática da persoa o número de sesións e os obxectivos a conseguir varían.
Despois de tres ou catro sesións adminístrase de novo o test de ansiedade para ver a evolución, e se é positiva comézanse a aprazar as visitas para non crear dependencia no paciente ata que estea completamente recuperado.
Na última sesión repásase o aprendido e cítase para unha revisión en dous ou tres meses.
Quero mentar que todo o explicado intenta ser un resumo de como se traballa nun caso relativamente doado, a realidade da terapia é moito máis complexa (análise de actos fallidos, trastornos de base, persoas que están axudando a manter o problema, …) pero creo que queda ben esclarificado como é o traballo que desempeño no día a día con un paciente adulto. A psicoloxía infantil é moi diferente e no seguinte texto farei un resumo de como se intervén cos infantes.
Espero que este texto transmita un pouco da paixón que sinto polo meu traballo. Un saúdo a todos e todas.