Como en calquera relación entre dúas persoas, sempre se intentará aumentar os comportamentos que nos causan gratificación e minimizar aqueles que son un custo para nós.
A reciprocidade
Outro concepto a ter en conta é o da reciprocidade, é dicir, se un membro actúa agradándonos ou satisfacéndonos dalgunha maneira, espera, polo xeral, un comportamento similar por parte do outro.
O segredo da harmonía
A partires de estudos levados a cabo entre parellas lonxevas e aquelas que non o son, concluíuse que o segredo da harmonía nunha relación é levar a cabo unha serie de comportamentos que agradan a un e despois este devólveos nun espazo de tempo breve. Entón, por que as parellas soen empregar o castigo ou o enfado de maneira tan habitual? Pois porque o castigo soe ter beneficios rápidos, a curto prazo. Aquí deberíamos entrar na personalidade de cada membro da parella (a impulsividade e a reflexividade, son os rasgos máis importantes) pero paréceme máis importante dar unha visión xeral do proceder terapéutico.
A terapia de parella
Nun primeiro momento cando a parella chega a consulta, lévase a cabo unha avaliación do grado de satisfacción de cada membro da parella coa relación, así como tamén, das observacións que ten cada un sobre os comportamentos positivos e negativos do outro membro.
Aquí o terapeuta debe fixar obxectivos de gratificación e reciprocidade e tamén modelar as carencias en habilidades sociais que poidan estar fallando, é dicir, todos aqueles comportamentos coercitivos ou pasivo-agresivos que poidan interferir no bo funcionamento da parella.
Podo dicir, que o máis importante na comunicación é a relevancia que non damos ao reforzo do que cada un de nós fai ben dentro da relación, e restituír isto, é a base de que a relación continúe con bo pé no futuro.
As seguintes sesións, poden ser coa parella en conxunto ou a nivel individual, cun membro só, posto que o terapeuta pode decidir que o estilo comunicativo dunha persoa en concreto pode precisar máis modelaxe en habilidades sociais, en afronatemento dos problemas, etc.
Por último, lembrarvos que como toda terapia a duración da mesma vai depender da propia parella e de cada un dos membros dela. O habitual é que en cinco ou seis sesións se poidan acadar bos resultados.