Abraham Maslow explica, na súa pirámide do home autorrealizado, que unha vez satisfeitas as necesidades biolóxicas primarias (comer, durmir, descansar e o sexo) podemos empregarnos en satisfacer as necesidades de seguridade (saúde, da familia, física,…) e posteriormente as de afiliación (amizade, afecto), de recoñecemento (confianza, respecto, éxito) e por último as de autorrealización.
Nas sociedades pouco avanzadas, os obxectivos son, maiormente, primarios: conseguir comida, a seguridade física, a protección da familia, … nembargantes a medida que as sociedades avanzan, os obxectivos van cambiando e vólvense máis abstractos, máis cognitivos: autorrealizarse, o recoñecemento social,… de maneira que é normal que comecen a aparecer máis problemáticas a este nivel posto que o esforzo é menos físico e máis psíquico (a sociedade cambia cada vez máis rápido, hai máis estimulacion á que atender, a necesidade de formación que se esixe para acceder ao mercado laboral cada vez é maior, a competitividade, as novas tecnoloxías,…)
Cando unha persoa comeza a sentirse mal, no plano mental, pode percibir diversos síntomas: choros frecuentes, apatía, pensamentos obsesivos, ansiedade, estrés, imsonmio, etc. pero as características que van decidir que esta persoa busque axuda é o malestar percibido, é dicir, o grao que esa problemática está a incidir na súa vida, se lle está a repercurtir no seu traballo, na súa parella, nos seus momentos de soidade,…e a flexibilidade cognitiva ou capacidade de adaptación, esto é, a resistencia aos cambios propios da vida (despidos laborais, morte dun familiar, separacións da parella,…)En conclusión, cando unha persoa sinte que unha problemática a desborda, que perde o control sobre ela e que lle está a interferir de forma negativa na súa vida laboral e familiar, é un bo momento para que consulte a un profesional da saúde mental para poder retomar o control sobre a problemática e mellorar a súa calidade de vida.
Antes de rematar gustaríame explicar que, acudir a un psicólogo, vai proporcionar alivio sintomático, pero sempre a posteriori dun esforzo, dunha disciplina. A tarefa do psicólogo é escoitar, si, pero para reeducar, para someter os pensamentos a probas de realidade e devolverllos ao paciente reformulados e máis realistas, restituíndo, desta maneira, o seu estado de benestar. Aquí comezará o traballo diario do paciente, combatindo os pensamentos que a súa mente xenera e esforzándose en introducir outros pensares novos, para así, pouco a pouco, elaborar un novo esquema mental máis adaptado ao medio que o rodea.
Todo o importante nesta vida esixe un esforzo, sempre.